Wednesday 08 de May de 2024

Unha exposición en Palexco recollerá a historia da Coral El Eco durante os seus 140 anos de traxectoria


O Concello e a Coral Polifónica editan unidades didácticas para que os escolares poidan traballar sobre a temática da exposición

A mostra desenvolverase do 30 de novembro ao 22 de xaneiro

O Concello prepara para este mes de novembro unha exposición que permitirá coñecer a historia da Coral Polifónica El Eco durante os seus 140 anos de traxectoria. A mostra desenvolverase na sala de Palexco, do 30 de novembro ata o 23 de xaneiro.

Este ano conmemórase o 140º aniversario da Coral Polifónica El Eco, unha agrupación que tivo e segue a ter unha enorme incidencia na vida cultural coruñesa e cuxa importancia transcendeu a propia cidade converténdose nun símbolo da música galega.

A exposición, que ten como comisario a Alberto Cancela, estará formada por máis de 120 elementos, tales coma estandartes, coroas, medallas, partituras, pertencentes ao seu rico arquivo, un dos maiores do ámbito coral. Todo isto se presenta seguindo unha orde cronolóxica agrupado por épocas para facilitar o seu seguimento::
● Os orfeóns. O nacemento dun fenómeno.
● Coral Polifónica El Eco:
○ A orixe. Os anos dourados (1882-1893).
○ Dos anos convulsos cara a modernización (1894-1939).
○ O esplendor lírico (1940-1975).
○ Os retos dun novo milenio (1976-2022).

Ao longo das paredes da sala situaranse paneis que mostrarán a liña histórica, mediante o cal poderanse seguir os principais fitos desta sociedade, acompañadas de fotografías e incluíndo biografías dos directores e presidentes.

Esta exposición tamén contará con dúas zonas onde se realizarán sendas proxeccións, na primeira das cales poderase ver unha recompilación de actuacións da coral recollidas en audiovisual ao longo de diferentes épocas; mentres que a segunda terá a finalidade de situar á persoa espectadora dentro da propia coral e así poder percibir as diferentes liñas vocais das pezas máis representativas do seu repertorio, de tal maneira que poderán percibir o mesmo que perciben as e os propios coralistas.

Como apoio para seguir a exposición, quen asista terá a opción de utilizar o seu propio teléfono móbil conectado a uns auriculares. Para isto, ademais da física, tamén haberá unha exposición virtual utilizando a tecnoloxía dos códigos QR e con José Castro Chané reconvertido en guía turístico.

Todo isto terá como finalidade principal abrirse cara a un público máis amplo, achegándolles os materiais e a información ás idades máis temperás. Precisamente por iso, esta exposición acompáñase dunha unidade didáctica dispoñible para que dende os centros educativos da contorna da cidade da Coruña poidan traballar arredor desta temática e dese xeito tratar de xerar interese para visitar a exposición.

Os materiais da unidade didáctica xa están dispoñibles na páxina web do Concello, para que os centros educativos poidan traballar con eles coa suficiente antelación.